jueves, 25 de octubre de 2012

O misterio do can da Lúa - Goretti F. Barcia



Xoán, ou Xoanciño como lle chamaba a súa avoa, era un neno moi valente deses que nunca choran, agás cando a doutora Lourenzo lle picaba no un brazo para poñerlle unha vacina. Tiña cinco anos moi ben invertidos: sabía ler, andar na súa bicicleta azul (a máis rápida de toda a aldea), escribir o nome de tódolos seus compañeiros, pintar sen saírse da raia... Tamén sabía o nome moitas das estrelas que había no ceo. Os Reis Magos trouxéranlle telescopio e tódalas noites, antes de ir durmir, se non había nubes no ceo, el e mailo seu pai miraban a través daquel tubo longo para descubrir novas estrelas.
Unha noite, Xoán estaba na súa cama pero non podía durmir. Por máis que daba voltas entre a roupa da cama non lle viña o sono. Canso de tanta reviravolta, levantouse e dirixiuse cara á ventá. Fóra estaba todo moi escuro. Só se podía ver o camión do lixo e un par de gatiños buscando algo que comer.
Xoán mirou para o ceo e, como case non había nubes, colleu o seu telescopio. ¡Como pesaba aquel trasto! ¡Coa axuda do seu pai era moito más fácil! Despois de darlle moitas voltas conseguiu colocalo e púxose a mirar a través del. Con coidadiño colocou o ollo dereito como lle ensinara o seu pai.
Pero... que era o que estaba a ver? Non o podía crer! A través do longo tubo Xoanciño podía observar unha superficie totalmente verde. Que sería iso? Xoán botouse a pensar durante un intre... As estrelas que vira co seu pai non era así. Daquela, que máis había no ceo aparte das estrelas? Claro! A Lúa! Si, iso que estaba a ver seguro que era a Lúa, aínda que non lembraba que a súa mestra dixera que era verde. Seguramente non estaría atendendo cando o dixo.
Xoán seguiu mirando e case cae de cu cando viu que algo se movía pola superficie verde da Lúa. Que podería ser iso? Un pouquiño asustado mirou de novo. Pero se era un cadeliño! Quen lle ía dicir a el que na Lúa tamén había cans?
Un pouco confundido polo que acabara de ver meteuse na cama. Pola mañá contaríalle ao seu pai o que acababa de ver. Debaixo das mantiñas o sono veulle aparecendo e en menos que canta un galo o pequeno Xoanciño xa estaba a soñar co cadeliño da Lúa.
Cando a mamá de Xoán entrou na habitación para espertalo xa que tiña que ir ao cole, quedou moi abraiada ao ver que o telescopio estaba apuntando ao xardín dos seus veciños. Quen o poñería así?

Fuente imagen: aquí

No hay comentarios:

Publicar un comentario